Débedas históricas

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

08 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O feminismo é unha desas palabras cun contido infinito. Segundo o noso dicionario, feminismo é «a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller», pero o certo é que o feminismo contén moito máis que unha loita pola igualdade de dereitos. Contén unha débeda histórica. Contén milleiros de realidades invisibles.

Ía con présa, e cos cartos na man fíxenlle o xesto da conta ao camareiro. Entón decateime de que no billete de cincuenta dólares australianos había unha muller impresa: Edith Cowan, a primeira parlamentaria australiana e unha das forzas facilitadoras do dereito ao voto das mulleres australianas a finais do século XIX. De súpeto, lembrei que nós, nun momento concreto da nosa historia, tamén tiñamos a unha muller impresa nos billetes: Rosalía de Castro, nos de cincocentas pesetas. E pensei que se eu, de fóra e de paso, tiven a curiosidade de saber quen era a muller dos 50 dólares australianos, cantos terían a curiosidade de saber quen era a muller das 500 pesetas na España do seu día. A representación e a visibilización son dúas armas poderosas, para tódalas causas.

Despois de ler sobre Edith Cowan aprendín sobre o feminismo das mulleres indíxenas australianas, e deime de conta de que a definición de igualdade de dereitos é tan relativa e complexa como a de feminismo. O sufraxio feminino en Australia comezou pronto, pero o dereito ao voto para as eleccións federais dos aborixes australianos (homes e mulleres) non comezou até mediados do século XX.

Hoxe, 8 de Marzo, non esquezamos que a loita pola igualdade de dereitos ten que ser unha loita plural, unha loita aberta fronte a tódalas inxustizas que nos fan desiguais.