Antineneiros

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente neneira e outra que non. Pero de aí a prohibir entrada... vai un mundo.

Parecemos peixes, por desmemoriados. E porque afogamos se nos sacan do medio habitual.

Lembran como se vivía antes do 2011? Pois convivindo cos fumadores. En calquera lugar público e tamén nos bares. Cantas veces cheguei á casa proéndome a gorxa, o que se traducía en perder a voz a mañá seguinte, no mellor dos casos. E? Pois nada, estamos no mundo para intentar convivir.

É certo que eu vivín situacións nas que dei con nenos imparables que corrían sen orde nin concerto arramplando co que se lles poñía diante: pernas doutras persoas, cadeiras, obxectos alleos... Os pais, por certo, mantíñanse á marxe da escena. Considero que eles son os responsables, non os nenos, que nenos son.

Pero tamén dei con adultos que entran nos establecementos abrindo portas sen ter en conta o ambiente. Que entra o frío? Que hai correntes? Acabaremos cunha pulmonía pero non pasa nada. Non atoparon nunca quen leva o volume do teléfono tan alto que invalida a conversa das mesas do lado? Quen di o do móbil, di o propio... pois hai quen fala cun megáfono intrínseco proxectando tantos decibelios que reparte dor de cabeza en quilómetros á redonda. Xa non falemos daqueles camareiros que che tratan coma se viñeras de durmir na súa casa ou pasan os pratos por riba da cabeza.

Ou sexa, que cousas que molestan, hainas, sen prohibición. Pero non dependen da idade da persoa, senón máis ben da educación e consideración cos demais.