Minifundismo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 feb 2019 . Actualizado a las 10:05 h.

Veño de ler neste xornal que Galicia presenta un minifundismo xenético único no mundo. Aquí, para mocear, practicamente non se saía do lugar. Quizais, como moito, os límites eran os da parroquia.

Pareceume acertadísimo denominalo minifundismo, algo do que sempre se nos acusa. A concentración parcelaria fixo estragos nel, pero máis ben nas zonas de monte, un chisco afastadas da casa. As leiras ao pé do fogar eran outra cousa.

Sempre se viu o minifundio como unha desgraza, como unha mala xestión dos galegos. Pero a min nunca mo pareceu. Sempre crin que procedía da necesidade de aproveitar os recursos nas épocas da escaseza. No mesmo terreo cabían tomates, leitugas, patacas, cenorias, verzas, pementos e cabazas. Todo ben aliñado e ordenadiño, facendo figuras, trazos e formas perfectas para aproveitar ao máximo a terra.

De aí quizais nos veña ese afán por manter os marcos dos eidos. Que non nolos toquen, que ninguén os mova. Porque entón desfarían esa perfección xeométrica que trazamos e igual perdemos un rego de patacas. Fíxense no agro sementado de millo. Hainos sachados seguindo debuxos en espiral se é preciso para que caiban unha ducia máis de pés.

Porque os centímetros de terra á beira da casa non son desprezables, porque a fame apágase botándolle substancia ao corpo, porque antes de emigrar non nos facía falta movernos máis aló da parroquia...

A historia de cada pobo é distinta e única. Determina a propia identidade. E medraremos a partir das nosas raíces. Sempre é así.