O esforzo do mestre Mateo

Daniel Lorenzo LIÑA ABERTA

OPINIÓN

22 feb 2019 . Actualizado a las 16:08 h.

O tempo todo o avellenta coas súas capas de anos, incluso o monumento. A mirada do observador a distancia transmuta a sucidade en beleza e, como adoita acontecer co vello, acaba xerando compaixón. É un oxímoro ao que hai que enfrontarse: a beleza que dana. Os liques que corroen a pedra, a pátina de po que desluce a pintura, a erosión que elimina materia. Restaurar é enfrontarse a estes dilemas, resolver esta confusión.

Os aires de cambio, as reformas, entraran en Compostela xa en tempos de Xelmírez, patrocinado polo papa Calisto II. Como escribía o cronista Xiraldo, á chegada do bispo, «a igrexa de Santiago estaba inculta e sen disciplina, aplícase a transplantar a ela o costume das igrexas de Francia».

Que vería despois Fernando II de León e Galicia naquel mestre, seguramente foráneo, que traballaba na fábrica catedralicia polo ano 1168 para recoñecerlle «a primacía e o maxisterio da obra do apóstolo»? O que viu foi esforzo e xenio. Mateo xa se movía nas correntes do novo estilo gótico, sempre basculando entre Francia, a arte e a política, e Roma, a simboloxía e o poder. O rei decide asignarlle a respectable pensión de dous marcos semanais para que dedique o resto da súa vida á obra. O empeño era de tal calibre que, por moitos mentores ideolóxicos que tivese, Mateo é o artífice indiscutible da imago que representaría o medievo renovado.

O novo mestre das obras da basílica labra pedra a pedra, cada unha co seu significado e todas harmonizadas nun contexto apocalíptico, articulando os membros en forma de doela, clave, lintel, tímpano, ábaco, cimacio ou parteluz, ata encaixar o todo nun conxunto arquitectónico poliédrico e integral. Porque cada unha das pedras da estrutura era escultura preparada para ser pintada, nun compendio concibido para unha porta que non estaba pensada expresamente para os peregrinos, que entraban pola Francíxena, senón para a cristiandade toda, para facerlles admirar a nova instalación no eixe de poñente, alá arriba, dando entrada ao presbiterio escurecido polo coro.

As obras de restauración que se desenvolven na catedral empezaron hai máis de dez anos polos elementos construtivos que envolven o Pórtico, para evitar que as filtracións seguiran deteriorando o conxunto mateán. Logo restaurouse a face formada por arquitectura, enxeñería, escultura e pintura, sen engadir unha pincelada, xustamente para desentrañar o oxímoro da beleza que dana. Un logro da cooperación da Fundación Barrié e das Administracións públicas coa Fundación Catedral. Agora, o conxunto está encriptado para protexelo dos efectos dos traballos que se inician no interior, e organizouse a secuencia de visitas para manter as condicións de conservación axeitadas. Calquera outra decisión menos estrita supoñería renunciar a algo do que Mateo concibiu.

Certamente, hai quen pensa que as obras humanas están destinadas a desaparecer, pero esta nosa basílica, chea de maxia e veneración, é un patrimonio mundial que temos a obriga de preservar de forma activa, sen limitarnos a contemplar con reverencia a súa inexorable consumación.