Leucemia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Para min era leucemia, e foino todo o tempo ata que falamos co pai da pequena enferma. Non lle chamou así, utilizou esas seis letras que atemorizan a calquera: cancro. Ten moi claro que o que padece a súa filla, apenas un bebé, é cancro.

E cada vez que pronunciaba a palabra a min encollíaseme o corazón. Mingua e doe. Vaia se doe. Apertábame a gorxa e impedíame falar con tranquilidade. Pero negueime a chorar, porque a el non lle saían as bágoas. Pareceume incrible a súa enteireza, a dignidade coa que se enfronta á realidade. Negueime a chorar porque el non o facía. Sorría, aínda que levaba a preocupación prendida da ollada. Non se permite estar demasiado triste porque ten outra nena á que facerlle a vida o mellor posible.

Fomos amigos de pequenos e temos a sorte de que as nosas fillas maiores herdaron amizade. Dúas nenas felices, marabillosas e sas. Á pequena, como di el, tocoulle a lotaría do cancro. E aí están, na loita.

«A miña prioridade é a enferma. E a segunda, a maior. Porque o tratamento é longo e duro. Vaille tocar unha infancia dura, moi limitada, algo que non merece e que teremos que facerllo levar o mellor posible». E a min secábanseme as palabras. «Farías o mesmo. Só sabes actuar como nai, como pai. Aparece todo».

Non sei se será así. Eu só podo darlles azos. Ánimo Javi, Bibi, Lara, Iria. Tedes toda a miña admiración e respecto. E o meu apoio.

Son deses heroes que non saen nos noticiarios nin teñen capa. Pero saben voar e facer voar. Dan sentido á palabra humanidade.