A educación, tarefa da tribo


Cando nace un neno ou unha nena comeza a súa socialización. A primeira, a da súa contorna máis inmediata, a súa familia. Despois, coa escola e as amizades, vanse ampliando os marcos nos que se desenvolve. Pero existe ademais outro elemento socializador clave, que é a comunidade: dela aprende, participa e experimenta.

Resulta significativo comprobar como se está apartando aos nenos e ás nenas do espazo público. É a renuncia da sociedade a unha responsabilidade que lle é propia: a de educar desde a participación na comunidade. Como se pode pretender que as familias poidan educar, se limitamos as súas posibilidades de participación, se lles restrinximos os espazos para que os nenos e as nenas convivan co resto das persoas.

Existen culturas que promoven a integración da infancia nas distintas esferas da vida porque aprecian o importante que resulta a aprendizaxe transmitida de xeración en xeración. Esa era a cultura da que nós provimos e que nos últimos tempos dá sinais de que está a mudar, na que os máis cativos, ao igual que as persoas maiores, ven como se limitan as súas posibilidades de participación por entenderse «molestas».

Demandamos mozos e mozas con valores, pero debemos proporcionarlles contextos nos que doten de sentido tales principios. Desde logo, limitando unicamente o labor de socialización á familia e ao ensino, como reflexo dunha sociedade cada vez máis individualista e menos integradora, non é o modo de facelo.

A crianza é tamén tarefa da comunidade. Un cativo ou unha cativa aprenderá a ter límites se lle proporcionamos experiencias de participación, de convivencia. A construción das xeracións máis novas, dos seus principios e valores, e do que estas persoas transmitirán ás súas próximas xeracións, depende do modelo que nós proxectemos. Non é desexable unha sociedade fragmentada en «guetos», onde se invisibilice todo aquilo que poida considerarse un estorbo.

Lembro un compañeiro psicólogo que dicía que antes os nenos e as nenas eramos fillos de todo o barrio. Hoxe, que a infancia constitúe un ben escaso e que a natalidade é un dos problemas graves que afronta Galicia, quero pensar que ese rexeitamento a compartir espazos con nenos e nenas se debe máis a unha estratexia de mercado que a un cambio no modelo social. Porque precisamos da tribo enteira para educar, como di o famoso proverbio africano.

Por María Rosa Álvarez Prada Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

A educación, tarefa da tribo