A oposición a Maduro

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

09 feb 2019 . Actualizado a las 10:10 h.

Pilar Marcos, deputada do PP no Congreso, conselleira de Telemadrid e en posesión dun máster en Xornalismo da Universidade Autónoma, acusou a Jordi Évole de branquear a imaxe de Nicolás Maduro antes de se emitir a entrevista que o pasado domingo vimos 3.545.000 espectadores. Despois de vela matizou a opinión: «No solo ha intentado usted blanquear al tirano Maduro sino que, además, le ha ofrecido el potente altavoz de La Sexta para su mendaz propaganda y para que amenace a los venezolanos con milicias y unidades de combate». Faltoulle rematar cun «¡Muera la inteligencia!», porque, para o uso que fai da súa, pode pasar sen ela.

Se en vez de estar na oposición española a Maduro estivese na venezolana, competiría a ver quen a di máis gorda con líderes como Julio Borges, presidente da Asamblea Nacional de Venezuela, quen, en agosto do 2018, afirmaba na cadea Ser que «Venezuela vive un verdadero Holocausto» e con Antonio Ledezma, ex-alcalde de Caracas exiliado en España, que o pasado día 5 dixo na mesma cadea que Venezuela «es un gigantesco campo de concentración donde a la gente se la mata de hambre». E aclarou: «Un campo de concentración como los de Hitler».

Que necesidade hai de semellantes excesos dialécticos, cando o relato fiel dos feitos abonda para describir a anguria que viven os venezolanos no camiño sen saída ao que chegou o réxime de Maduro? A morte do concelleiro opositor Fernando Albán, en outubro do 2018, mentres estaba detido na sede do Servicio Bolivariano de Inteligencia, ao tirarse desde un décimo piso, en versión oficial; é proba evidente das prácticas tiránicas do réxime de Maduro, tanto se o tiraron como se se tirou.

Maduro denuncia o atentado que sufriu en agosto do 2018 e que os líderes da oposición tentaron negar; pero non contaban coa vaidade de Jayme Bayly, presentador en Mega TV do programa Bayly, que se emite desde Miami, quen, incapaz de calar o seu protagonismo en tan importante acontecemento, cantou coma un xílgaro: asistira ?como «relator», supoño? a unha xuntanza en Miami, na que se tratou do atentado contra Maduro. «El sábado vamos a matar a Maduro con drones. Hemos probado los drones en Caracas y funcionan. Y yo les dije: ¡Hágale, hágale! ¡Vamos para delante!». E deu detalles: «Los drones tan grandes no se venden. Hubo que fabricarlos y por eso entraron por partes en Venezuela. Un dron se operaba desde un automóvil y otro desde un apartamento alquilado». Desde o apartamento alugado un tirador profesional podería matar cun disparo a Maduro, pero preferiuse o dron «para liquidar de un plumazo a los principales cabecillas de un régimen vesánico».

A oposición houbo de recoñecer o atentado e os líderes buliron a negar a súa participación; porén, a deputada Pilar Marcos non deu un chío contra o presentador-animador do magnicidio e boa parte dos medios de comunicación en España e Europa seguiron a falar do «presunto atentado».

Son estes líderes opositores quen van devolver a democracia, a paz social e o benestar a Venezuela? O veterano humorista Claudio Nazoa, moi crítico con Maduro, augura: «Un día la oposición estará en el poder arruinando nuestras vidas y nos burlaremos de ellos también».

Xa se verá.