O sol do trópico

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

01 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un irmán de miña avoa emigrou a Venezuela e, ao pouco, volveu tolo perdido. «Entroulle o sol do trópico», dicía, seica, a bisavoa con cara de circunstancias. Así se fundou o mito venezolano dos meus devanceiros. Creo que ao tío Ovidio lle tería gustado a casa onde vivo. A dona anterior era unha venezolana con posíbeis que converteu un simple piso vigués na residencia ideal de calquera petroleiro texano millonario, cos seus estucos venecianos, columnas dóricas e arcos en vez de portas. O meu salón debería ser o escenario da sinatura da nacionalización definitiva do petróleo venezolano, non no chan patrio, senón nos Estados Unidos. Dígoo polo que lle acae a Trump a decoración na que estou obrigada a escribir esta columna. Canta preocupación de golpe pola democracia en Venezuela! Trump, ese demócrata.

Como lle entrou a todo o mundo o sol do trópico ante as convulsións dun país que leva moito tempo convulso, sen que importasen a ninguén anos de crise humanitaria, inseguridade e inflación! É coma se Venezuela estivese borrada dos mapas para que non se soubese da existencia do seu cobizado chan. Por que? Un dato como resposta: nese país onde todo se nacionalizou persisten como excepción dúas empresas estadounidenses capacitadas para extraer o petróleo que prové masivamente aos Estados Unidos agora que as cousas no golfo pérsico van regulín. A eles e a nós, Europa, ata agora, non parecía molestarnos gran cousa que a Venezuela a gobernase un ditadorciño co sol do trópico no cerebro. Claro que, en tratándose de petróleo e ataques á democracia, xa temos experiencia de permisividade en Asia Menor. Menos mal que Venezuela ten petróleo para chamar pola democracia. Outros países, nin iso.