Téñolle moita lei á palabra. Hainas perigosas, polo que significan, como apartheid. De orixe africana, quere dicir «vida separada». Estendeuse polo mundo para designar o réxime que, nos anos 50, dispoñía a superioridade do home branco sobre o negro, unha segregación por razas. Algo que foi abolido no 1990 e, na actualidade, debera estar superado.
É por iso que non debemos xogar con lume. Un partido vén de asegurar que en Galicia hai un apartheid lingüístico. Tampouco cre que exista violencia machista. Estou convencida de que saben ler e contar, polo que non teñen máis que fixarse nos xornais e levar a conta das mulleres mortas. Por tanto, hai que darlle a credibilidade que merece, pero... fan ruído. E eu, que sempre calo, vou falar un chisquiño.
Dubido moito que veñan a Galicia, falen castelán e os excluamos. Nunca tal vin. De feito, voulles poñer o caso da miña filla (para que ninguén diga que o invento). Trasladámonos a unha cidade galega e ese mesmo curso deixou de falar galego. Porque o ensino infantil en galego asoballa o 8 %. Claro que igual non entenden a prensa, pois non existe nin un só medio que publique integramente na nosa lingua. Quizais o digan polas canles de televisión, que teñen acaparado o 4 %. Ou... Podería seguir, pero ningunha cifra se achegaría ao 10 %.
Con todo. Como moito, aquí conseguimos ser bilingües, non monolingües. Así que poden falarnos en castelán, que lle imos entender e responder para que nos comprendan.
Non xoguen con palabras de lume. Queiman.