Todo é veloz. Vivimos contra o reloxo desde que nos erguemos, se cadra mesmo mentres durmimos, e nese ir e vir frenético superpoñemos actividades que van ocupando a nosa atención, tamén rápida, desconcertante. Saímos da casa mentres, no móbil, escoitamos a radio e lemos a prensa a un tempo, pode que incluso leamos varios periódicos, e nunha espera de tres minutos, nun semáforo ou mentres agardamos a que nos toque ser atendidas nunha tenda, consultamos Instagram. Poñemos a foto do que estamos facendo: clic. Corremos porque non queremos desaproveitar o tempo, e nos intervalos facemos chamadas, mercamos a comida, organizamos unha viaxe. Vemos series en vez de películas, lemos poesías tiradas de mensaxes de WhatsApp, escoitamos anacos de discos en Spotify e retallos de declaracións en Twitter. Durmimos tarde e madrugamos para pechar o ciclo da vida rápida na que esquecemos o que é esperar. Por iso non entendemos o que pasou co meniño que caeu nun pozo. A impaciencia asolagábanos. Xa ningunha noticia resiste o tempo. Pero, de súpeto, a historia dese neno obrigounos a parar. Paralizáronsenos os corazóns e así estivemos, aprendendo o que son os tempos mortos das esperas, nas que a nada que pasa serve para afacer ausencias.
Observei os xornalistas nese silencio lento da agarda. Pero, sobre todo, observei a esa nai e a ese pai enganchados ás agullas dun reloxo no que hai moito que desapareceu a conta atrás.
Se cadra iso é o máis parecido que hai á eternidade: un neno perdido nun pozo. Por iso os contos falan diso, pero nunca dos pais que só agardan.