A soidade nos tempos do móbil

OPINIÓN

22 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Corren bos tempos para a comunicación. A mensaxe a golpe de clic. A imaxe adquire máis ca nunca a denominación de instantánea. Os seres anónimos deixamos de selo. Paseamos polas redes a nosa intimidade pero, conscientes da necesidade de gardar un reduto último de vida privada, amosamos unha imaxe dulcificada de nós. E gardamos inconfesables segredos nos nosos messengers privados.

Gústanme as redes sociais, como pulsímetro desa realidade dulcificada. Gústame comprobar o latexo da actualidade, que discorre entre a lapidación pública dunha Marie Kondo que nos obriga a guindar os nosos libros pola fiestra ou a dun escritor francés do que nunca oíra falar a pesar do seu Goncourt, porque considera que o atractivo sexual das mulleres ten a mesma caducidade ca un iogur.

Pero o que me resulta máis apaixonante das redes é a capacidade que teñen de derrubar os muros da corrección, as barreiras da timidez e os filtros de educación. A xente vai a saco nas redes. Se colgas, como me pasou recentemente, unha foto de perfil o día que che deu por ir ao salón de peiteado, pintar o ollo e amosar centímetro e medio de canalillo, entón… Oh, Deus! Entón comezas a comprobar que toda esa xente que che pide amizade non ten gana de falar de Marie Kondo.

Aí descobres que a xente se sente impune para dicir o que lle pasa pola cabeza sen medida. E incluso consideras un troco de foto de perfil. Porque as mulleres iso do «algo farías» témolo moi interiorizado. Tamén nas redes. Despois desbotas ese pensamento irracional e pasas do cabreo inicial á reflexión. A pensar en qué move a homes feitos e dereitos a comportárense como adolescentes. Botas unha ollada aos seus muros e comprobas que semellan ser seres normais cunha vida plena. E dáche por lembrar que deixaches de xogar a Apalabrados con descoñecidos porque che pedían cibersexo ou conversa, en función do grao de desesperación, antes de que che dese tempo a colocar unha tripla zeta, coma se dun Tinder se tratase. E aí si que che entra a gana de poñerte en plan Marie Kondo e guindar xente ao lixo.

E finalmente decátaste que o único que sucede é que a xente está soa. Moi soa. E que rachar as barreiras da soidade no mundo real é complexo, pero que nas redes iso vai a golpe de clic. Ata o punto en que algúns esquecen que a que está en fronte é unha muller á que non lle diría na cola do súper «bollito», «bombón», «a túa mirada é suxestiva á vez que turbadora», sen caer no ridículo infinito. Unha muller que, por certo, está camiño da idade en que un escritor francés considera que xa non se pode mirar para ela. Pero iso, dende logo, é outro debate. Ou non.