174 versos francófobos

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

18 ene 2019 . Actualizado a las 00:11 h.

O pasado domingo, día 13, no cemiterio de Boisaca (Santiago), foi homenaxeado Isaac Díaz Pardo, que hai oito anos que nos deixou. Alí, arredor da súa campa (entre a de Ramón del Valle-Inclán e a de Aurelio Aguirre), xuntámonos máis de cen persoas, desafiando o frío, realmente xélido, e unha inesperada intervención dun funcionario paramunicipal, digno da época de Franco. Francisco Franco, por certo, protagonizou unha boa parte do recital poético da conmemoración, un dos capítulos máis emotivos do acto. Léronse versos de Celso Emilio Ferreiro (por Manuel Ucha), de Modesto Hermida (pola súa filla Sabela), de Marilar Aleixandre (pola autora) e de Evaristo de Sela (polo presidente da Academia Real Isaac Díaz Pardo).

Evaristo de Sela, pseudónimo de Evaristo González Fernández (1917-1994), é, como poeta (en galego e en castelán), pouco coñecido, aínda pouco coñecido. As xentes letradas do noso país coñecen e admiran máis outra faceta intelectual de quen foi catedrático de Grego: a de tradutor da Ilíada (1990) e da Odisea (1992), unha das grandes proezas na historia das nosas letras. O autor aprendeu boa parte do grego clásico, autodidacticamente, nas prisións franquistas (Caldas de Reis, illa de San Simón, penal de San Cristóbal…). Nesas prisións escribiu versos galegos e versos casteláns sobre moi diversos temas. Antes e despois da morte de Franco, Evaristo de Sela escribiu algúns poemas políticos que nunca publicou, nin sequera despois de 1975. Foi neste ano, na noite do 20 de novembro (data da morte do Tirano), cando redactou ex abundantia cordis un longo poema contra o Caudillo: Responso indignado (Coplas de maldecir ante el cadáver de Franco). É, quizais, o poema máis execratorio e contundente que se teña escrito nunca sobre o Caudillo, déspota que mereceu, entre outros, os mellores dicterios dunha musa satírica tan afiada como a de Celso Emilio Ferreiro.

Evaristo de Sela, nesa noite do 20 de novembro, escribe, calamo currente, 174 versos que conteñen toda a carraxe acumulada polo autor durante corenta anos de medo e de impotencia.

Nesa invectiva de 174 versos o autor liberouse de corenta anos de medo, de catro interminables décadas de terror. Oíndoos en Boisaca, algúns dos asistentes percibiron o sorriso, ancho e aprobatorio, de don Ramón del Valle-Inclán.