Díaz Pardo e o exilio


Dentro de dous días, o domingo 13, ás 12.30 horas, a denominada Academia Real Isaac Díaz Pardo tributaralle no cemiterio de Boisaca unha homenaxe, como todos os anos, a quen foi non só unha extraordinaria cabeza pensante senón un cidadán presente en cantas prácticas redundasen en beneficio do que el chamaba «as causas xustas». Unha desas causas era para el -e para a singular Academia- o exilio galego antifranquista, pródigo, na súa intelligentzia, en nomes verdadeiramente ilustres (Castelao, Luís Seoane, Osorio Tafall, Rafael Dieste, Otero Espasandín, Carlos Velo, Lorenzo Varela, Emilio González López, etc.). A Academia, no presente cabodano, o sétimo, centrarase nesta faceta: o que Díaz Pardo fixo sobre o exilio galego do 36-39 como escritor, pintor, ceramista e, sobre todo, editor. El, «militante da memoria» -así se definía- foi o gran editor das nosas voces do exilio. Fíxoo en Ediciós do Castro, que el dirixiu desde 1963, o ano fundacional, e desde a editorial Renacimiento, de Sevilla, creada por Abelardo Linares. Nunha e noutra, contou sempre co consello e a infinita erudición de Manuel Aznar Soler, o noso máximo exiliólogo.

O que moitos ignoran é que Díaz Pardo non só foi o editor dos exiliados e das exiliadas (Mariví Villaverde, Carmen Muñoz Manzano…); foi tamén mecenas da causa. Hai tempo que se sabe que el colaborou economicamente con José Martínez, o exiliado valenciano anarquista que fundou e dirixiu en París a editorial Ruedo Ibérico, tan importante polos seus autores e polos seus temas que, en moitas ocasións, alporizou a Fraga Iribarne, o ministro de Propaganda de Franco (1962-1969).

Foi nesta editorial onde se publicou, en 1966, o libro de ouro da literatura galega clandestina: Galicia hoy. É un volume colectivo, organizado con moito talento antifranquista por Díaz Pardo, en Galicia, e por Luís Seoane, en Buenos Aires, onde se imprimiu. Para evitar as represalias francofraguistas, Díaz Pardo empregou o pseudónimo de Santiago Fernández, e Seoane, o de Maximino Brocos. Do explosivo volume fixo Ediciós do Castro unha edición facsimilar (con prólogo meu) pouco antes do falecemento do seu gran capitán, o polifacético Isaac Díaz Pardo.

De todo isto falarase en Boisaca o próximo domingo e farano, entre outros, Manuel Lourenzo, Carlos Núñez, Carmen Blanco Ramos, Sabela Hermida, Gregorio Ferreiro Fente, Mª Xosé Queizán e Perfecto Conde. Como epílogo, dous nenos do Colexio Público de Santa Comba de Xallas (Mar Lías Barrientos e Pablo Pensado Pérez) pousarán na campa de Díaz Pardo «unha cesta de pombas e mazás», como reza o ‘himno’ da Academia Real, o celebérrimo poema de Lorenzo Varela escrito no exilio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Díaz Pardo e o exilio