Compartir a dor

OPINIÓN

11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É inevitable lembrar a familiares que xa non están connosco e mesmo resulta difícil ás veces ter que celebrar un xantar ou unha cea con ese nó no estómago que turra das ausencias. Non quero nin imaxinar o inferno que debe ser para esas familias que perderon violentamente algún dos seus membros, porque o duelo é algo físico e a morte o reduce todo a un trauma que pode parecer unha porta pechada. Diana Quer ou Laura Luelmo, por poñer só dous exemplos máis mediáticos, son coma cicatrices abertas que se van apegando á pel dos anos e non deixan de mancar só con pulsar os seus nomes. Con todo, se teño que lembrar algo especial neste ano que deixamos atrás son as palabras de Patricia Ramírez, a nai do neno Gabriel Cruz, cando pedía que se lle negase cobertura á asasina e se frease a rabia para non facela extensiva á sociedade. Ese xesto, emotivo e xeneroso, dalgún xeito nos reconciliaba coa humanidade e era a comprobación de que hai persoas boas, capaces de conducir toda a súa dor cara a un desexo nobre que, se cadra, se transforme na mellor homenaxe que se lle poida facer á perda dun fillo asasinado. Non resulta doado verbalizar a esgazadura interior dunha maneira tan xenerosa e implorar que non se use a morte do seu fillo para dar cabida a outras cuestións que nada teñen que ver coa traxedia. Síntoo por Patricia e por todos os que pasaron unhas festas durísimas, buscando na memoria o alivio dun aceno suave, dun sorriso ou dun bico do ser arrebatado. Sei que esta dor é íntima e exclusiva, pero, cando se trata de seres inocentes, o fracaso é de todos e debemos compartir ese sufrimento ata que o número de vítimas se reduza a cero.