Naomoigh Na Tinte

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

07 ene 2019 . Actualizado a las 21:49 h.

Hai algo máis de dous anos souben da chegada ao porto asturiano de Tazones de catro irlandeses que estaban facendo o Camiño de Santiago por mar. Viñan bordeando o golfo de Biscaia nunha pequena embarcación tradicional irlandesa chamada curragh e recalaron nese porto para descansar antes de proseguir cara a Galicia, onde remataría a súa viaxe. Alí, un grupo de asturianos coñecedores das relacións intercélticas fixeron de anfitrións nesa parada proporcionándolles apoio e cobertura; xente marabillosa que entende aínda a irmandade atlántica tantas veces ignorada dende as nosas terras e cos que estes catro intrépidos navegantes, dous deles músicos, un escritor e outro canteiro, estiveron tan ben atendidos despois desta dura viaxe que o seu descanso prolongouse máis do previsto. Galicia era o destino, como rememorando os antigos manuscritos do Leabhar Gabhala Eireann -libro das invasións de Irlanda- onde se describían as relacións atlánticas xa relatadas polos sabios xeógrafos e historiadores romanos.

Naomoigh Na Tinte é o nome en gaélico desta embarcación que partiu de Dublín en maio do 2014, chegando a Compostela dous anos despois. Alí os agardaba un comité de benvida -xa que a súa peregrinación de 2.500 quilómetros por mar non é o habitual- e na propia catedral puideron escoitar unha misa na súa honra oficiada en gaélico irlandés. Con eles tamén chegou o seu curragh, que incribelmente soportou a longa e dura viaxe. Despois de completar o Camiño decidiron seguir navegando pola costa galega: atopáronse de fronte coa crueza do noso mar e na desembocadura do río Miño, o pequeno curragh envorcou provocando a morte de Danny Seehy. Dende o 23 de novembro do 2018 a súa aventura quedou reflectida nunha película titulada The Camino Voyage, unha épica odisea celta nos tempos actuais, con moi boas críticas e recoñecementos en diversos festivais nos que o filme se presentou. Oxalá que axiña se poida ver nos cines galegos como corresponde, tanto polo significado da súa historia como pola presenza que nela ten Galicia.