Sanidade pública e formación médica

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZ HOXE

OPINIÓN

02 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na sanidade pública estoupou un problema que viña de vello e que lembra o conto de Pedro e o lobo. O conto tiña letra de Esopo e música de Prokofiev, pero os contables non len contos e aos políticos xestores ese músico sóalles a ruso vermello. Tamén aquí houbo dous avisos aparentemente falsos antes de que o lobo asomara as orellas. O primeiro foron as acusacións de privatización, que xa teñen tantos anos que mesmo son anteriores a que se materializase, pasando da tradicional mala praxe individual que convivía co sistema a unha estratexia de concesións a mans privadas. O segundo, as evidencias de mala xestión recoñecibles en listaxes de agarda reais -as que coñecemos os cidadáns- que nunca se correspondían coas cifras oficiais -cociñadas na consellería- presentadas no Parlamento co aval dunha maioría absoluta. O lobo chegou coa realidade dunha poboación máis envellecida que demanda máis atención sanitaria na proporción do seu envellecemento. De súpeto, todo estoupou.

O lobo da vellez viña acompañado, pois resulta que os profesionais da saúde, que son a chave do sistema, tamén son máis vellos, foron xubilándose ou foron xubilados para adelgazar o cuantioso capítulo de persoal. A explicación oficial da consellería e do presidente incide precisamente na falta de profesionais. De súpeto, non hai médicos en Galicia. Despois de anos informando os xornais das queixas pola falla de pediatras ou anestesistas, do periódico colapso das urxencias por falta de profesionais, da caída no número de médicos de atención primaria ou de dar noticia da emigración de profesionais a Portugal, o Reino Unido, Alemaña ou Estados Unidos, presentada polos responsables políticos como proba da gran calidade da formación que recibían no Sistema Universitario Galego. Despois de todo iso e de xeito impresionista podemos acreditar que non hai médicos, pero non será porque Pedro -a sociedade, os medios- non berrou «que vén o lobo!».

Nunha sociedade que, segundo os políticos do PP que nos gobernan hai dez anos, ten un grave problema demográfico, ninguén se ocupou de prever as consecuencias que tería o envellecemento. Tampouco ninguén fixo caso aos Esopo e Prokofiev das ciencias sociais que estudaron e anunciaron o problema que viña. Os nosos gobernantes pensan que as ciencias sociais só serven para contar turistas -tamén enferman- e peregrinos -teñen moitos accidentes-, ou sexa, imprevistos usuarios do sistema.

O da formación de médicos non é causa central do actual deterioro da sanidade galega, pero se acabou sendo un problema o motivo hai que buscalo na teima dalgunhas autoridades políticas e académicas en non abrir unha segunda facultade de Medicina en Galicia. Lembran? Aquel cabalo de batalla que comezou en 1990 coa creación das dúas novas universidades e chegou a antonte. Finado Meilán Gil, poucos quedan con autoridade para lembralo. A aquela absurda cerrazón uniuse unha ruín batalla polo numerus clausus. Se fose verdade que non hai médicos e que non marchan porque aquí non teñen seguridade laboral ou remuneración ao xeito, algunha responsabilidade terá algunha autoridade académica e política. Ou non? Agora o lobo mata ás ovellas.