O outro día contáballes que non escribín as tradicionais tarxetas de Nadal para enviar por correo. Estou perdendo, recoñézoo, algunhas tradicións. Este ano tampouco fixen memoria do anterior nin planifiquei os propósitos para o seguinte.
Escribir. Ler. Facer deporte. Eses son tres clásicos que no finado 2018 se perderon xa nos albores de xaneiro. Para que repetir, daquela, se non me funcionou? Ver máis aos amigos debera estar nun banzo superior, pero foi o grande ausente. Nin unha comida. Só un par de cafés.
Que mal organizada teño a vida!!! Ou quizais é que a teño tan organizada coa rutina que é case imposible desenredarse dela.
É por iso que non fixen propósitos. Só teño un, ao que me agarro forte. Crer. Seguir crendo. Manter a fe.
Crer que aínda pode haber un mundo mellor. Que a empatía e a xustiza van ser valores que guíen os nosos días. Que a educación e a sanidade pública serán o noso orgullo. Que os investimentos públicos sexan para mellorar a vida. Que os impostos repercutan no servizo á sociedade.
Emociónome e creo que aínda habemos poder falar de política nunha mesa amosando posturas encontradas sen enfadarnos. Ha! Estoume pasando...
Pero claro, se non somos capaces de usar a palabra coma unha ferramenta de entendemento e a manexamos coma unha arma contra o outro, é que a base de todo non funciona.
Somos humanos, temos raciocinio e capacidade de falar. Dialogar. Se falla, non hai base. Mais eu quero crer. E, saben que? Para o ano hei volver mandar as tarxetas postais.