Un mar para aprender

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

A Galicia mariñeira, sempre escasa de peixe, viuse na obriga de acudir aos mares de fora. O mar galego é multinacional. Descubrindo primeiro mares e caladoiros con barcos galegos, acudindo logo ás empresas mixtas, e mais logo internacionalizando esas empresas pesqueiras e levando adiante a súa transformación en industrias integradas, tanto nas do conxelado coma nas da conserva. Urxidas, para a súa mantenza e expansión, pola necesidade de materias primas, necesidade resolta en grande parte co conxelado e tamén co proceso de atunización da industria conserveira e da frota.

Galicia importa máis dun millón setecentas mil toneladas de produtos da pesca e a acuicultura, mentres que exporta un millón. En cartos, a nosa balanza é mais desfavorable: importamos por valor de 5.500 millóns de euros e exportamos por 3.000 millóns. Situación que se inverte no comercio coa Unión Europea, de onde traemos 450.000 toneladas por valor de 1.500 millóns de euros, e exportamos 650.000 toneladas por valor de 2.300 millóns.

Temos así que as industrias alimentarias da pesca (un 70 % son de conxelado e un 30 % son conserveiras) son as máis abertas ao comercio internacional das industrias de alimentación galegas, por máis que tanto as de conxelado como as conserveiras precisen importar materia prima ou produtos elaborados de empresas de capital galego establecidas no exterior.

A economía do mar galego non se entende sen a súa internacionalización, que, se até fins do século XX se fixo sobre a pesca e o conxelado, dende finais de século asentouse na conserva e na industria do mexillón, e mesmo na pesca fresca europea. Polo que, encarreirada a grande pesca e mais tamén a achega de materia prima para a industria alimentaria, cómpre atender ao Mar de cerca.

A produción galega -descargada ou producida en Galicia- de peixe e marisco fresco chega ás 500.000 toneladas, cun valor en primeira venda duns 650 millóns de euros, dos que o 45 % veñen da acuicultura e o 55 % da pesca, por máis que en toneladas a acuicultura achegue o 64 % (58 % mexillón) e a pesca fresca desembarcada nos peiraos galegos o 36 %. Aténdase ao emprego e ao impacto territorial, aténdase ao efecto arrastre de cada unha sobre a economía galega, onde a acuicultura, seguida da industria transformadora, vai primeira, e terase deste xeito unha visión acaída dalgunhas das estratexias debidas para aquel Mar de cerca, de competencia exclusiva do Goberno galego, que, a pesar da súa cativeza en límites territoriais, ten unha importancia sobranceira. Aquel mar e aquela beiramar da pesca artesanal, das bateas e o mexillón, do marisqueo, ou mesmo da piscicultura do rodaballo e do ollomol. Atendéndolle ás súas razóns: emprego, mercados, produción ou innovación.