Ser español non é ser nada


Tampouco ser galego. É menos aínda que ser seareiro dunha equipa. Non é nada se non o é tamén en termos cívicos nin políticos. Toca dicilo porque parece esquecerse entre tanto nacionalismo patrioteiro de Estado e tanto nacionalismo caduco que non ve a cidadanía alén da identidade. Ser galego, español ou francés non é nada sen cidadanía e hoxe a cidadanía está en risco. Están en perigo os dereitos políticos asociados a ser cidadán que non sempre tivemos nin temos porque ter per se. Por non falar doutros dereitos sociais ou laborais. Estes últimos progresivamente devaluados nos últimos anos. E ser español, galego, catalán ou alemán tampouco non é nada nestes tempos, na miña opinión, sen a sustantividade europea, da que ser galego ou español son adxectivos. Paréceme que nunca foi tan evidente como agora.

Cando escoito aos dirixentes de Ciudadanos enchérselles a boca falando de ser españois, españois, españois, como se esa pertenza fose garantía segura de liberdade e igualdade, asómbrome da simpleza coa que nos tratan aos cidadáns. Pero cando vexo que as novas caras da extrema dereita teñen a mesma concepción preocúpome. E máis aínda cando vexo ao PP perdido na axenda que lle marcan os extremistas que o abandonaron. A esa asimilación que vemos nestes días chámanlle algúns ‘tacticismo temporal’ -na lóxica de Aznar-, seguramente convencidos de que o seu oportunismo doutra época segue aínda vixente e pode permitirlles recuperar aos que se lles foron. O que para eses inxenuos é tacticismo sen convicción, para os extremistas que lles fan marcar o paso ven sendo cuestión de fe, que é moito mais inamovible e atractiva que calquera convicción, pero sobre todo moito máis auténtica para o votante que ten que escoller. Nunca ninguén gañará aos extremistas en machismo, centralismo, anti inmigación e touros. Quen compita con eles perderá. A supremacía da pertenza identitaria fronte aos dereitos de cidadanía non só afecta aos nacionalistas estatais, no noso caso españois, tamén é unha deriva crecente dalgúns nacionalistas litorais.

Nun coloquio organizado hai uns días polo profesor Robert Belot na Universidade de St. Etienne arrepiei co que acontece en Hungría, Polonia e Rumanía: a nación por riba da democracia; tamén por riba da Historia, manipulada para converter a anticomunistas nazis e antisemitas en pais da patria porque representan virtudes nacionais. Non hai nacións eternas, nin as novas nin as vellas. Dínolo o paso do tempo chamado Historia. Ate agora o esencialismo nacionalista era criticable intelectual ou politicamente pero neste tempo, nesta Europa e neste Estado, é un perigo de futuro, un risco que a democracia, que tamén é continxente, mais aínda que as nacións, non debe correr.

Non podemos permitirnos o luxo de pola en perigo imaxinando que Bolsonaro é un tolo que non durara, que Salvini vai acougando ou que os seus aprendices vanse moderar cando cheguen as institucións. Imposible competir cos que sitúan a nación imaxinada por riba da convivencia e da vontade xeral. Están aquí e de nos dependera se lles deixamos ficar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos
Comentarios

Ser español non é ser nada