Sabela

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Adoro a naturalidade, a sinxeleza. Por iso me gusta Sabela, a moza das Pontes que hai tres meses se meteu na casa da xente da man dun programa televisivo no que se buscan e forman cantantes. Pero Operación Triunfo, que é o fenómeno do que falamos, é tan só unha porta, que non se abre (ou pecha) da mesma maneira para todos. Primeiro, porque é imposible ser completamente equitativo nos minutos de televisión, e tamén porque os concursantes son todos distintos e a súa actitude provoca reaccións diferentes na cámara, no público. Cal é a súa arma? Non tela. É todo o contrario do que se agarda dun espectáculo.

Sabela é tranquila, nada histriónica e natural. Algo que, seguramente, non cree polémica, non acapare segundos en pantalla.

Pero, quen sabe, nun mundo no que impera o postureo, a naturalidade pode ser totalmente extraordinaria. Sabela ten ese don. Rodéaa unha áurea de calma, vestida de sorriso, de emoción. Sabela non quere emocionarse e chorar, pero sáelle. E ese comportamento tan humano, tan natural, faina estar aí, na final. Por suposto, a base é o ben que canta, non lle vou quitar mérito! Pero é que me ten enganchada coa súa naturalidade, esa que utiliza para cantar en inglés, castelán e galego.

Non é unha impostura. Ela é así. Por iso, cando escoita a súa nai falando castelán, dálle a risa. Non é natural. Cantar en galego, si. Grazas, Sabela, pola imaxe. Por amosar que falamos galego ao natural, non por imposición.

E, ademais, sabemos usar e cantar noutros idiomas. Necesitamos estes referentes.