E agora que?

OPINIÓN

17 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É cousa sabida que a comunidade andaluza é a máis poboada, a de renda per cápita máis baixa, a que ten máis parados, onde hai máis risco de exclusión, onde a pobreza enerxética afecta a máis dun millón de habitantes, onde 220.000 fogares carecen de subministro de enerxía eléctrica, onde se dan as maiores desigualdades...

Explica esa situación que máis do 41 % dos andaluces se abstivese nas recentes eleccións? Ou que a eses datos debamos engadir a xenofobia, cando sabemos que hoxe hai uns 150.000 inmigrantes menos en Andalucía ca hai dez anos? Ou tamén o independentismo catalán, que pouco lles pode afectar aos andaluces? Por que será que o 15 % do voto a Vox procede da esquerda? Ao parecer non importa a enorme desigualdade económica e social, en comparanza co resto de España.

Pero máis inexplicable aínda é que ningún dos partidos teña unha proposta concreta para unha política merecente deste nome, unha política que, de levarse adiante, deixaría fóra de xogo a ultradereita. Isto, que tiña que ser a grande lección dos recentes comicios, parece que importa menos cás combinacións para asegurar o poder.

É coma se fósemos absolutamente inconscientes do que hoxe está sucedendo, incapaces de deseñar a política que este momento esixe. Porque é dunha absoluta irresponsabilidade pactar cos que no seu programa inclúen a destrución da democracia. Pero aquí, claro é, somos diferentes. Aquí podemos facer o que ninguén fai.

Nin os que gobernan nin os que pretenden facelo demostran ter unha proposta que facer ao respecto. Só vougas latricadas, tópicos baleiros e fume. Unha moi grave irresponsabilidade, que demostra que uns e outros non entenden o que agora mesmo está ocorrendo no noso mundo. Tan escasa visión de futuro temos?