Política alén das ideas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Deberiamos volver ás orixes políticas dos tempos de Platón e Aristóteles, que buscaban a xustiza como base do goberno. Imaxínoos debatendo, expoñendo ideas dentro e fóra da cámara, órgano que buscaba o favor do pobo a través do amor deste. 

Mirar as intervencións dos nosos dirixentes faime cuestionar se o que hoxe entendemos como política aínda deriva desa semente. Crea crispación e ata odio. É por iso que un episodio acontecido no Congreso dos Deputados, do máis natural, saltou á actualidade case coma un milagre.

Alberto Rodríguez (Podemos) despedíase cunhas cálidas palabras de Alfonso Candón (PP), que abandonaba o posto de deputado para ocupar outro cargo. Anunciou a súa despedida cun sorriso, e no momento da réplica, Alberto díxolle algo así como «É vostede unha boa persoa, e ponlle calidade humana ao Congreso». Acto seguido puxéronse ao traballo, enfrontándose no seu ideario. Rodríguez criticou certas políticas educativas coa mesma contundencia que loara a súa calidade humana.

Os dous son os primeiros sorprendidos de que o recoñecemento persoal creara semellante balbordo. Di Candón que a sinxeleza é o que ten que importar. Vendo a sorpresa queda claro que non é o habitual. Foron dúas actitudes sinxelas, francas, que deixan a un lado as ideas políticas. E iso, para min, é a política. Saber falar e respectar desde o ideario oposto.

Ambos insisten en que o cortés non quita o valente. Apostemos, pois, pola cortesía, pola educación. Porque a política debe chegar alén do ideario.