Facebook sabe todo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai algún tempo que non navego moito polas redes. Quizais o que me pasou o outro día xa leva tempo acontecendo. Pero eu non me decatara. Quixen subir unha foto na que aparecía con outras dúas persoas. E nada máis localizala no meu dispositivo electrónico, aparéceme unha mensaxe preguntándome se quero etiquetar ás persoas que aparecen comigo. O problema é que me preguntaba polo nome e apelidos desas persoas. É dicir, fixo un recoñecemento facial. A seguir, sáltame outra mensaxe na que me di que eu aparezo na fotografía doutro usuario, sen que este puxera o meu nome. Quere saber a rede se desexo compartir a información na miña páxina. Facebook, está claro, sabe todo. Ata o que non lle conto. Non é a primeira vez que me indica localizacións próximas á miña vivenda. E como sabe el onde vivo? Porque eu son das que non dou os meus datos, e das que non indico a localización das xestións que realizo. É preocupante. Como fagas unha busca por Internet, queda fichada, rexistrada e como información para a eternidade. Un non pode premer unha tecla no universo cibernético sen que deixe pegada e información. E o procesamento da mesma pode ser de moi distinta índole. Ese uso é o que me atemoriza. Non son dona da miña intimidade. E iso é algo que me preocupa moito. É a peaxe de usar a rede informática, certo. Pero esa peaxe antóllaseme excesiva. E, coma as da autopistas, non deixa de subir e subir, ano tras ano. Ata o punto de que, en lugar de preguntarme, acabará internet decidindo por min.