Carracedo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son admiradora absoluta de Ángel Carracedo. Si, o xenetista máis brillante do noso país, un dos máis importantes no mundo. Seguro que todos os que coñecen a cantidade de premios e logros cos que ten feito do mundo un lugar moito mellor tamén o admiran. Pero eu quixera salientar aquí a miña homenaxe particular ao seu sorriso. Ese co que sempre recibe. Un sorriso cheo de modestia e tenrura, un sorriso natural e sincero, un sorriso humilde. A súa carta de presentación. Porque Carracedo é un home tranquilo, nada histriónico, sinxelo. Fala con igual devoción da investigación xenética que dos seus mergullos no mar. Cando fala da familia, desbórdao a mesma paixón.

O seu mundo científico ten límites razoables: o mar, o fogar, a lei. Unha mostra máis de absoluta congruencia. Defende que a humanidade ten que seguir sendo iso, humanidade. Fainos saber que a euxénese (modificación xenética para o perfeccionamento da raza) non é un xogo. Mantén o ton baixo e a calma nas palabras, pero é totalmente contundente. Impacta escoitar a alguén tan comedido coma el dicir que se este é o mundo ao que imos, apéase.

Difícil atopar xente así, con esa coherencia que esmaga. Está no alto da ciencia e vive na base da sociedade. Non podemos volver á selección da raza. Non podemos converternos nunha estrutura de xenes. Imos acabar por estar ao servizo da ciencia, e é esta quen ten que traballar para a humanidade.

Complicado ser eminencia e manter o norte. Que sinxelo parece con alguén como Ángel Carracedo.