O poder do voto e a Constitución de 1978

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ COMEZA HOXE

OPINIÓN

04 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A irrupción de Vox no Parlamento andaluz racha un mito: que a experiencia da ditadura e da recuperación da democracia nos vacinara contra a extrema dereita. Pero a ducia de deputados de Vox é coherente co que está a pasar en Europa e chega despois dunha tola carreira patrioteira da dereita española. O pasado non determina o presente, pero un mal relato do pasado colectivo impide identificar os problemas do presente. Temos un relato da consecución da democracia estritamente político, xornalístico ou froito das memorias dos protagonistas. A análise histórica con todas as fontes e enfoques, a contextualización, a distancia e a discusión científica necesarias están aínda a se facer polas novas xeracións de historiadores.

A mitificación da Transición responde á memoria do desexo colectivo da sociedade galega e española en 1978: a vontade de protagonizar por fin unha historia de éxito, despois de tanto fracaso acumulado dende 1939. Hai razóns pois para falar dun éxito colectivo, pero falta comprendelo nunha lóxica histórica e contextual que supere as sucesivas reinvencións políticas que a alcumaron de modélica, exportable, única na historia da España, consensuada. A Transición foi tan boa que algúns perdedores da primeira, como Aznar, xa propuxeron unha segunda transición en 1994.

Unha ollada histórica desprendida de reinvencións permite ver que foi a vontade popular a que gañou e fixo posible a Constitución pola vía electoral en xuño de 1977, fronte á idea de pacto de elites con tres ou catro pilotos do cambio. Hoxe sabemos que o franquismo no poder estaba absolutamente convencido de gañar aquelas eleccións por maioría absoluta. O Movimiento non só tiña todos os resortes do poder político -e a maioría do militar-, tamén monopolizaba o coñecemento sobre o comportamento social: controlaba as sondaxes do Instituto Español de Opinión Pública creado en 1963, e dende 1970 tamén as privadas de Icsa-Gallup.

As previsións demoscópicas confirmáronselles no referendo da reforma política do 15 de decembro de 1976: un éxito do franquismo saínte con 16 millóns de votos a favor. O plan non incluía a legalización de todos os partidos, nin moito menos facer unha Constitución. Legalizar o PCE, tensións militares incluídas, pode verse como unha proba da seguridade coa que avanzaban dende o poder. Houbo eleccións sen todos os partidos legalizados. Presentáronse UCD e AP, PSOE, PCE, nacionalistas vascos, cataláns e galegos, e varias coalicións da oposición antifranquista aínda ilegal. Pero para o Goberno de Suárez, Martín Villa e García López todo mudou o 15 de xuño, por unha decisión da xente votando por primeira vez nunhas eleccións despois de corenta anos.

Os partidos do franquismo no poder (UCD) e na oposición (AP) sumaron case oito millóns de votos, só a metade dos que lograra o «si» no referendo de seis meses antes. O antifranquismo, entre as esquerdas e os nacionalistas, logrou nove millóns. A posibilidade dunha Constitución, que fora negada activamente por Suárez antes das eleccións, abriuse paso de inmediato, e o chamado consenso foi o instrumento para construíla, obrigado pola oposición. A outra consecuencia foi unha amplísima amnistía. O poder do voto quedou demostrado. Tamén hoxe en sentido distinto.