Desprestixio das institucións

OPINIÓN

03 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Diría que non só non interesa o prestixio das institucións, senón que en xeral a acción política neste país semella ter como finalidade o desprestixio e o deterioro das mesmas. Non outra cousa é o ambiente que infelizmente estamos vivindo e padecendo. E ata un punto que empeza a ser moi preocupante.

Os partidos, os poderes do Estado (incluído o poder que debe controlar os outros dous) e a sociedade en xeral están padecendo, por moi diversas causas -pero maiormente pola corrupción xeneralizada-, un crecente deterioro.

Os exemplos están á vista, son recentes e, polo que semella, non haberá un día en que non apareza un novo caso de corrupción e, en consecuencia, un elemento máis de desprestixio e deterioro institucional.

Na orixe desa situación é manifesta a culpabilidade dos que exercen a política dunha maneira irresponsable -a mala política, claro é-, ben consentindo e non corrixindo a corrupción ou ben poñendo a súa acción non ao servizo dos intereses da sociedade, senón coas miras postas en servir os intereses do partido. Unha crise tan fonda pode levarnos a parecer unha república bananeira: nada semellante ao que aquí está ocorrendo ten lugar en ningures, cando menos no mundo máis próximo a nós.

Un país sen institucións fortes, ben asentadas e respectadas non pode manterse en normalidade. Isto está moi claro. Os políticos deberan ser os primeiros en se coidaren do vigor das institucións. Máis ben a súa cobiza vai por outros camiños, pois utilízanas moitas veces para certos intereses, propios ou do partido, e non para os da sociedade. E iso explica que a xente non crea neles e que, desta maneira, lles neguen a súa representación.

Tiña moita razón Castelao cando escribiu que «en moitos casos a caricatura non é tan cruel coma o retrato».