Holografía

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ata hai nada non sabiamos o que era unha holografía, ou sexa, unha fotografía tridimensional creada en función dos efectos da luz. As fotografías parecíannos un invento marabilloso, e pensar en convertelas en imaxes virtuais era similar a cruzar un abismo. Pero nos tempos que corren todo vai tan rápido e veloz que os precipicios acaban convertidos en pequenas pozas susceptibles de salvar cun pequeno chimpo. Ás veces quédanos a dúbida de se non correremos de máis e, no camiño, quede o importante, a realidade. Porque o virtual cada vez gaña espazo de xeito máis incontrolado. Non serei eu quen me opoña aos avances, por suposto, pero todo ten un límite. Veño de saber que un xaponés acaba de contraer matrimonio cunha holografía. O que len. Seica celebrou unha voda do máis tradicional, exceptuando a noiva, claro. Incrible e certo. Akihiko Kondo casou con Hatsune Miku, unha cantante virtual de melena verde. Ela ten, non o perdan, 16 anos. El, 35. Pero a diferenza de anos e a minoría de idade dela non é o máis preocupante neste caso. O inquietante é que ela non é real e, con todo, puideron casar. Cando pasan cousas así pregúntome se non hai ninguén que nos queira e advirta do grave erro que estamos a piques de cometer. A vida é, basicamente, vida, non unha holografía. Entendo que a familia intentou axudalo, pois non quixo saber nada do enlace. Quizais sexa cousa do amor, que vai ser certo que pode ser cego. Tanto, que nin sequera distinguimos o real do virtual. Deberiamos avanzar con sentidiño.