Os epistolarios de Valente

OPINIÓN

O ourensán José Ángel Valente (1929-2000) é coñecido e celebrado como poeta, para algúns o poeta español con máis substancia poética da súa xeración, a do Cincuenta (Caballero Bonald, José Agustín Goytisolo, Carlos Barral, Gil de Biedma, Claudio Rodríguez, Francisco Brines, Antonio Gamoneda…). É mágoa que a magnitude literaria da súa poesía eclipse a extraordinaria valía das súas reflexións sobre o feito poético, valía moi presente no volume Las palabras de la tribu, de 1971. É agora cando descubrimos, in extenso, a súa faceta de epistológrafo, descuberta que debemos ao volume Retrato de grupo con figura ausente, que acaba de publicar a Deputación de Ourense. O responsable da edición, dos estudos e das case mil notas é o profesor Saturnino Valladares (1978), doutor pola Universidade de Compostela e, desde 2013, profesor de Literatura Española na Universidade Federal do Amazonas (Brasil). O profesor Valladares coñece ben a vida e a obra dos poetas españois «de su edad» (a de Valente), que son os da Xeración do Cincuenta.

As cartas (de e a) iluminan aspectos importantes do tecido literario anterior á morte de Franco (1975): censura, relación coa Cuba de Fidel Castro, estratexias antifranquistas, postura de certos autores españois ante Daniel e Siniavski (escritores soviéticos represaliados), o triste papel de Guillermo Díaz Plaja na Barcelona da época… Non se pense, en calquera caso, que este volume é, fundamentalmente, un epistolario político; é, esencialmente, un epistolario literario, aínda que Valente estréase como correspondente de Caballero Bonald con esta retranca: «Si la empresa es como anunciáis, hacer eficaces los términos literatura y pensamiento, que Dios esté con vosotros porque eso, desde hace siglos, viene siendo empresa de héroes en un país cuya divisa exacta sigue siendo aquella gloriosa de la Universidad de Cervera: lejos de nosotros la funesta manía de pensar (1-3-1956)». Valente tiña 27 anos e vivía en Oxford, onde xa se relacionaba intensamente cos exiliados hispanos, nomeadamente cos que pertenceran, antes de 1936, á Institución Libre de Enseñanza.

Sobre o propio Valente hai cartas que atraen aos estudosos da súa biografía; por exemplo, o seu interese pola poesía de Catulo en certo momento ou o seu afán, en 1966, de que un grupo de obreiros españois en Suíza reciban, con notable desconto, exemplares do libro de Marx Sociología y filosofía social, editado por Península (Barcelona). Afirman algúns biógrafos que o poeta José Ángel Valente, case un místico da palabra, impartiu clases de marxismo a operarios hispanos na cidade de Xenebra.