90 anos en plenitude


Pasado mañá, día 28, cumpre Alonso Montero 90 anos, alguén que, dende aquel traballo seu aparecido en 1952 no Grial que Juan Aparicio fixo desaparecer, leva escrito ducias de libros, centos de artigos, ou pode que miles, e pronunciado non se sabe cantas conferencias, alocucións, presentacións de libros, mitins...

Para min, Xesús Alonso Montero ven ser algo así como a personificación das suxestións que Kavafis abre no seu poema Ítaca, ou iso é o que penso sempre que me encaro coa súa personalidade intelectual: non teñamos présa por chegar a Ítaca, antes ben procuremos que sexa longo o noso camiño porque así nos arrequentaremos coas experiencias dunha longa viaxe, pois iso é o único que Ítaca nos pode dar: a viaxe para chegar ela.

Pero esa viaxe foi tamén a que, entre outras riquezas, fixo camiñando á par dos seus alumnos, dispoñéndoos para que tamén eles estivesen preparados para iren en procura da Ítaca de cada un deles. Ou sexa, que tamén soubo levar riqueza aos demais, máis alá do espírito individual do poema de Kavafis.

Así o comprobei cando, hai uns anos, se lle tributou en Ribadavia unha homenaxe na que interviñeron moitos antigos alumnos seus, e me decatei de que todos eles camiñaban en procura da súa Ítaca e que o guieiro da viaxe fora o profesor que os abrira ás posibilidades de facer tan senlleiro periplo.

E así segue agora mesmo, en plenitude investigadora e oratoria, dándonos riqueza a todos, axudándonos a facer camiño na nosa viaxe en procura do sentido da nosa vida, da nosa Ítaca, e pedimos que sexa longa porque na súa compaña teremos asegurada a riqueza de novas experiencias, novas paisaxes que nos vai abrindo e deixándonos un pouso fecundo de sabedoría. Saúde e que a viaxe, sen présas, siga por moito tempo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

90 anos en plenitude