Bergman e Welles

OPINIÓN

Os grandes directores de cine Orson Welles e Ingmar Bergman tiveron a firme determinación de levar ao cine a obra teatral Divinas palabras de Valle-Inclán. Mais, ao cabo, nin un nin outro acabaron por logralo. Non obstante, paga a pena recuperar aqueles momentos e aqueles procesos, porque son moi indicativos e reveladores.

O primeiro dos dous en traballar sobre a obra do escritor galego foi o sueco Bergman, que estreou con éxito a súa versión teatral o 3 de febreiro de 1950 en Gotemburgo (Suecia). Segundo as informacións dispoñibles, Bergman atinou cos afáns de Valle-Inclán de «competir co realismo do nacente cine» e desbotar o costumismo imperante. Porque o autor de Divinas palabras rexeitaba por riba de todo o teatro de Echegaray e o cine que se limitaba a retratar unha realidade case sempre falseada.

Bergman descubriu a proposta anovadora e esencial que subxacía na obra de Valle-Inclán: 1) volver ás raíces do teatro, 2) rexeitar a proposta realista do cine de moi recente chegada e 3) impoñer un novo ritmo expresivo e visual no escenario. Foi esta última posibilidade a que seduciu a Bergman, quen despois quixo levar Divinas palabras ao cine, convencido de que contiña «o xenio creativo» capaz de agrandar a sétima arte. Pero, unha vez trasladado a Estocolmo, Bergman comezou unha frenética carreira cinematográfica, que acadou o seu cumio seis anos despois con O sétimo selo (1956), onde o propio director recoñeceu o influxo de Valle-Inclán no tratamento da procesión grotesca dos flaxelantes e noutras escenas. Un influxo que tamén aparecera xa antes en The Naked Night (1953). Pero el xa nunca chegaría a rodar Divinas palabras.

En 1972 foi Orson Welles quen difundiu unha noticia que deu a volta ao mundo. O director de Cidadán Kane ía rodar Divinas Palabras en España, protagonizada por Rita Hayworth, Terence Stamp, Fernando Rey, Ornella Mutti , Oja Kodar e o propio Welles. Así se publicou en medios estadounidenses e europeos. Pero este esperpento rural, que tan ben deforma a realidade para mellor desvelala, aínda segue sen atopar ao seu gran descubridor cinematográfico capaz de amosar a súa grandeza creativa, como quería Valle. Mágoa!