Aquela mañá levantouse tarde. A esa hora era mellor non dicirlle nada, ningún reproche ou advertencia. Saíu da cama. Peiteou o seu pelo de seda negra, ollos marróns de outonía, pel de uvas. Seu pai non encontraba naquela pel ningunha diferenza coa que tocara un vinte e dous de novembro de 2001. El, coma case todos os días da súa vida, estaba imaxinariamente enfermo: unha das vinte gripes que pilla cada ano con fidelidade absoluta. No hospital agardou a que nacera deitado nunha cama. Naceu. E o pai asegura que abriu o sol, a chuvia amarela das árbores danzaba, e as flores abríanse inesperadamente entre a marmaña. Estas lembranzas entenréceno. Ela marcha ao instituto e nin sequera percibe que é 22 de novembro. El deixara a noite anterior un papel, no microondas, para que ela o encontrase ao quentar o Cola Cao. Pero levantouse tarde. Nin tempo para almorzar. Un plátano, unha mandarina, e mamá gritando dende o coche: «Marta, son horas!!!».
O pai abriu o microondas e alí estaba o papel. Este xoves tomou café con notas. A primeira era a palabra que os despedía cada noite: Quérote. Despois: aprende a ceder, non sempre temos razón. O mellor está por chegar. Cada día hai mil motivos para estar agradecidos. Un non é peor por pensar distinto. Eu tampouco entendo a Aristóteles. Os que te aman de verdade, han de amarte sempre. Le. A tristeza tamén pasa. Que vai ser de min cando estudes en Santiago, lévasme vivir contigo? Cando te vaias, non te vaias. Como podo quererte tanto... o pai preguntouse qué ía facer con aquel folio. Mirou a Tango e Dana, os seus cans. Fixo unha bóla co papel. Tiróullela. Tango e Dana ladraron, alegres. No idioma dos cans, dicían: Feliz aniversario, Marta.