Que Franco pase á historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que se converta por fin en historia. Non será sen tempo, 43 anos despois da súa morte e 82 despois de que os golpistas o convertesen en usurpador da xefatura do Estado. Asombra a capacidade deste ditador que nos tocou aquí para estar presente no día a día. Máis chocante aínda porque, a diferenza doutros seus colegas daquel tempo, cada vez máis reivindicados nesta Europa na que pula a extrema dereita, ninguén se reclama politicamente franquista en España desde que Blas Piñar saíu do Congreso nas eleccións de 1982, nin se atreve sequera -agás casos marxinais- a defender en público a Franco e o franquismo.

Esta contradición merece reflexión porque é como unha vinganza branda dun ditador duro e duradeiro. Non se confundan os que viviron o franquismo, porque foi tan duro como calquera outro do seu tempo, e, vista a capacidade do réxime para a resiliencia simbólica, pódese dicir que moito máis duro e duradeiro porque seguimos a sufrir os achaques das súas presenzas. Sufrírono os vencidos, máis perseguidos ca vencidos en realidade, que nunca lograron deixar de selo ata morte do ditador. Sufrírono milleiros de vítimas, seladas co estigma da culpabilidade en procesos xudiciais vistos por tribunais ilexítimos e ilegais, ata o Ano da Memoria de 2006 e a lei da memoria. Seguen a sufrilo os herdeiros dos desaparecidos e enterrados en cunetas.

Resulta obrigado preguntarse de quen é o interese en manter a Franco sen pasar á historia? Esta semana teremos máis respostas. A identificación simplista entre a actual dereita e o franquismo é un erro e a mesma identificación simplista entre a actual esquerda e o antifranquismo tamén. Ambas as identificacións son incertas cultural e xeneticamente. Dous prexuízos dos que sempre se aproveita a dereita. Hai que recoñecer que, despois de catro décadas, o antifranquismo historiográfico vén sendo a mellor forma de non historiar a fondo o franquismo. O relato do franquismo golpista e vencedor da guerra é tan forte que devorou nestes anos todos os relatos antifranquistas baseados na reconciliación.

Vai sendo tempo de que de Franco, do franquismo e dos seus usurpadores se ocupe por fin a historia como debe. Non só literaria, política ou poeticamente, senón indagando sen límites nin tabús impostos ou autoimpostos. Facendo todas as preguntas e buscando todas as respostas. A historia como forma de coñecemento libre non pode ter límites, pero tenos, e cada xeración vainos rachando. Sábeno ben os británicos, e por iso titulan reviewed (revisitada, revisada) as obras que volven sobre episodios xa tratados con vontade de superación.

Ao longo desta democracia fíxose moita memoria coa política pero moi poucas políticas de memoria, por iso aínda estamos pendentes de que o ditador saia do mausoleo que construíu ou de recuperar o patrimonio artístico e cultural ilexitimamente atesourado polos descendentes do plutócrata.