Hai ben anos estiven en Cymru/Gales e quedei fascinado. É unha nación de orixe celta situada no oeste do Reino Unido, xustamente nunha península fronte á illa de Irlanda. Teñen un idioma propio chamado cymraeg, da rama britónica das linguas célticas, e está directamente emparentado co bretón que se fala na Bretaña e co córnico falado en Cornualles, outra península situada un pouco máis ao sur no propio Reino Unido. Na actualidade é a lingua desta orixe máis falada, a pesar de ser tremendamente complexa. Aínda que só o 25 % dos galeses falan no seu idioma, polo menos mantéñeno relativamente afastado da súa desaparición, ao contrario da situación na que por desgraza están outras linguas europeas, incluídas as de orixe céltico como o gaélico escocés, o córnico ou o bretón.
Gales é verde e montañoso, con grandes vales e valgadas; a súa costa é recortada, e, viaxando por alí, parece que estás en Galicia polo tremendo parecido, pero os detalles son os que marcan a diferenza: a súa arquitectura tradicional está moi ben coidada, igual que a súa paisaxe, e non hai eucaliptos. A súa bandeira porta como símbolo nacional o Ddraig Goch, un dragón vermello con ás, histórico estandarte de batalla do rei Artur e moi similar aos que podemos ver aquí nalgunhas igrexas, como a de Santa María de Marrozos, no concello de Santiago.
Como anécdota final dicir que o primeiro grupo de música celta en publicar un disco LP nunha editora galega foi a banda galesa Cromlech, liderada polo músico Tommy Jenkins, grande amante de Galicia, que no ano 1980 sacaba á luz o seu traballo Unha noite na eira do trigo e que presentaron na cidade da Coruña. É un pequeno pero importante suceso que se foi esquecendo no tempo.