Duelo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei quen inventou isto dos duelos. Parece que pasamos a vida baténdonos contra alguén por acadar notoriedade. Empeñámonos en dividir o mundo entre o que gana e o que perde, os da dereita e os da esquerda, os de arriba e os de abaixo, os altos e os baixos, os louros e os morenos... Estou farta. Non todo é branco ou negro. Hai unha inmensidade de tons polo medio que non temos por que esquecer.

O peor de quen inventa isto foi esquecer o lado masculino. Antes, batíanse en duelo os descendentes das xustas medievais, dous cabaleiros que usaban armas mortais seguindo rigorosamente as regras, respectando así a honra dos combatentes.

Pois daquel asunto tan serio, no que se xogaban a vida, pasamos aos duelos actuais. E por moitos titulares que busco, a inmensa maioría falan do mesmo: rivalidade entre dúas mulleres por ser as máis elegantes ou guapas da festa. Intúo, ademais, que esa competencia non é buscada, que se fabrican titulares despois do acto, sen premeditación por parte das protagonistas. Isto pode afectar a moitos campos, pero está de moda na realeza. Duelo entre raíñas, princesas ou compoñentes dunha mesma familia. É o caso das duquesas de Cambridge e Sussex. Vaian onde vaian xuntas, sempre as comparan por como van vestidas, coma se non houbese nada máis importante nelas cá roupa que poñen.

Iso si, dos duques dos mesmos condados, nin palabra. Porque tamén podían facer a comparación con eles, que asisten da mesma maneira e que, por certo, son os que levan o título no sangue.