A lei da vida

OPINIÓN

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En teoría, a vida segue unha orde e esta, por coherencia, debera ser unha lei infranqueable. Os nenos nacen e son os proxenitores quen se fan cargo deles. Logo chega un momento en que pais e fillos se valen por si mesmos e, pasado o tempo, a orde dá a volta e os fillos son quen deberan coidar dos pais, xa que a estes fállanlles as forzas. Si, sei o que están pensando: que os pais, polo medio, convértense en avós, e volven coidar dos fillos dos fillos e, cando lles chega o momento, pode ser que non haxa ninguén que os atenda. Pero o normal é que, entre unha etapa e outra, pasen moitos anos. É dicir, que desde que nace un meniño ata que se fai cargo dos pais deberan pasar máis de seis anos. O de Jiajia é unha excepción, pero unha excepción que me encolle a alma. Tiña a nena catro aniños cando seu pai sufriu un accidente automobilístico que o deixou tetrapléxico. A nai colleu o fillo varón e deixou á cativa cos avós e o pai inválido. E saben que? Que calquera día lle saen ás á meniña. Pero non se preocupen, que non vai botar a voar e deixar ao seu papá. Se non viron os vídeos, fágano. Cóidao cunha paixón e agarimo que é digna de admirar e imitar. Só se despega del para ir á escola. Despois, é os seus ollos, as súas mans, as súas pernas... o seu sorriso. Porque ela tamén sorrí. Eu non podo. Invádenme as bágoas ao ver esta non-lei, esta deslealdade que a vida lle puxo diante. O home, que desexou que lle arrebatasen o alento, rendeuse tamén á dozura da pequena. Aprendamos dela.