Era unha moza estraña: segundo de bacharelato e o costume diario de comprar o periódico e entrar con el á clase. No recreo, distante do ruído, lía libros e subliñaba algunha frase con lapis; despois anotaba esa frase no seu caderno azul, de arame, raiado. Carecía de redes sociais e en lugar de Instagram conservaba algún álbum de fotos onde gardaba fotos de papá e mamá, felices, bañándose con ela e con Andrés nunha praia na Fisterra. Rara. Porén, parecía feliz. Algúns dos seus compañeiros tardaron en comprender a causa da súa felicidade. Ata onte mesmo. Aproveitaron unha distracción de Laura para coller o seu caderno azul. Na primeira páxina, un corazón vermello ben grande e a palabra like. Na segunda, en letra límpida e preciosa, empezaron a ler parágrafos fragmentados, soltos, sen fío condutor: «Querer aos meus pais e a Andrés cada día. Estar tan ben que quero abrazar a todo o mundo e que todo o mundo me abrace a min. Non poderían os políticos ser doutra maneira? Cando me miras, non existe outro paraíso, en plan, ha ha ha, quero dicir que o paraíso son os teus ollos, en plan, ha ha ha. De que serve a tristeza? Pasamos a vida perdendo o tempo. O que importa é pequeno. Anarquía e birra fría. Por que son tan borde? A derrota sempre é pasaxeira. Caer, levantarse, caer, levantarse. Se faltan os soños, queda a esperanza de volver a soñar algún día. A obra mestra da inxustiza é parecer xusto (Platón). Hai xente que aos dezaoito anos arrastra mil anos de tortura. Non penso coma ti, qué pasa. O profe de matemáticas, demasiados números e poucos versos na cabeza. Non chove». Os seus compañeiros, nas súas redes sociais, escribiron con frenesí: «Like Laura». Saíu o sol.