Tería doce anos a primeira vez que disparei unha arma. Non lle vin demasiado sentido, pero alí estaba a escopeta de caza, os cartuchos e alguén disposto a aprenderme. Non sentín nada especial. Nin medo, nin sensación de poder, nin nervios. Xuraría que mesmo me pareceu normal. Só collín a escopeta, apuntei a un saco, disparei, levei unha labazada coa culata e tan contenta. Non sentín tampouco a necesidade de volver facelo.
E aínda así, cando odio, revivo aquel momento. De súpeto vólveme o frío metálico nas mans, resóame o disparo, e lembro aquilo do que fun capaz. Sería fácil odiar e disparar, como ese fascista que consideraba que «salvaría a España» matando o presidente. Non hai que estar tolo para facelo. Hai xente así. Sería fácil, incluso, disparar primeiro e sentir poder despois, coma os terroristas da sala Bataclan que rían mentres baleiraban os Kalashnikov sobre centos de persoas.
E sería fácil disparar e despois sentirse culpábel, coma ese que esta semana matou a doce persoas en California nun concerto, ou coma os que matan mulleres.
Así fai unha chea de xente. Todos acceden a unha arma dunha forma que pode ser máis ou menos sofisticada, pero fácil: coma min, colles a escopeta, disparas e ao mellor nin sequera sentes nada.
Como é unha inxenuidade, non vou escribir aquí que deberan prohibir as armas, que nin sequera vén a nada cazar por deporte e inzar un país de escopetas.
Pero seguro que se enche a caixa de correo ao director con queixas de cazadores porque non me gusta que anden por aí disparando a animais cando este artigo fala de disparar ás persoas.
E da estupidez humana que cre que matando se fai xustiza.