A sinfónica da rúa

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces penso no que pasaría se a historia fose escrita polas comunidades invisibles, polos esquecidos e as esquecidas das sucesivas civilizacións. Penso en como afectaría ao noso panorama social, cultural e político a recuperación desa memoria.

Hai tantas realidades invisibles para nós, tantos xeitos de vivir e entender a vida que descoñecemos. O que é invisible para min é o centro da realidade do outro, e o que eu considero perfectamente visible pode ser tamén invisible. Por poñer un exemplo global: Galicia e a nosa riqueza e diversidade cultural no eido internacional. Isto é algo que os galegos migrantes explicamos con orgullo acotío, «temos lingua propia, temos a nosa gaita!», e, así e todo, ás veces semella que somos unha comunidade invisible.

Invisibles son as enfermidades mentais para os que non as viven, a desigualdade de xénero para os que están do outro lado, os maiores dependentes que non teñen quen mire por eles, os menores en risco de pobreza, os que viven nas rúas...

O violinista Vijay Gupta foi un neno prodixio: debutou como solista aos 11 anos e entrou a formar parte da orquestra Los Angeles Philharmonic aos 19. Fillo de inmigrantes hindús e cunha historia vital fascinante, soubo ser capaz de inventar o seu propio camiño no eido da xustiza social. A súa organización Street Symphony crea un espazo máxico de conversa musical entre os sen teito das barriadas de Los Angeles e os músicos da prestixiosa orquestra sinfónica, rachando así os muros invisibles que fan que esas realidades nunca se toquen, e promovendo un cambio tan necesario coma esencial: facer visibles as inxustizas sociais a través da música.