A casa na que vivo está situada nun terreo que os meus pais mercaron a comezos dos anos oitenta nun fermoso val con vistas ao Atlántico. Eles eran do interior de Ourense e, aínda que levaban vivindo na Coruña dende os anos sesenta, o seu sentimento pola terra e pola aldea seguían intactos. Neste terreo plantaron moitas árbores froiteiras no seu tempo libre, feito que pouco despois convertéuselles nunha atadura porque todo iso require un mantemento delicado e traballoso, pero eles xa o sabían. Maceiras, pereiras, ameixeiras, nogueiras e outras árbores daban froita a fartar, como para compartir con familia, amigos e aínda sobraba. Algunhas desas árbores seguen aquí, fermosas, cheas de vida, e séguennos dando os seus froitos e moi boas lembranzas, pero tamén requirindo atención e mimo se queremos o seu rendemento. Neste tempo de outono sempre lembro a meu pai porque trouxera de Navia de Suarna uns castiñeiros que foron, quizais, as primeiras árbores que eles plantaron aquí. Tempo hai xa que recollemos as súas castañas nesta terra a carón do mar, e comémolas de diferentes xeitos, aínda que asadas é a preferencia. Comendo esas castañas de Navia apañadas na beira do Atlántico, bebendo sidra feita coas mazás que eles plantaron, elaborando compota de peras ou saboreando unhas mandarinas collidas das nosas propias árbores doume conta da riqueza e do valor do que posúo, da beizón que supón vivir aquí e de entender o valor que eles lle daban, ao tempo que me abraio do agradecida e vizosa que é a terra na que vivimos. Tempo de outono, tempo de magostos, de colleitas e de reflexionar sobre o que significa comer os teus propios froitos nos tempos que corren.