O lugar para discutir

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Todo ten o seu momento e lugar. Incluso as discusións.

O destino é caprichoso e nunca somos quen de medir as consecuencias dunha decisión. En China acaban de morrer 15 persoas polo despiste do condutor, que ía máis atento á pelexa que mantiña cunha pasaxeira que ao tráfico. Claro que ela chegara a agredilo...

Ninguén se explicaba como un autobús que circulaba sen problema acabou precipitándose polo bordo dunha ponte e caendo ao río Yangtsé. As imaxes da cámara interna acabaron por poñer luz ao asunto.

O problema naceu porque o condutor se saltou unha parada na que quería baixar unha pasaxeira. Non sei como funcionan ese tipo de liñas, polo que descoñezo se era a pasaxeira a que tiña que avisar para que detivesen o microbús ou era o propio condutor quen debía deterse sen previo aviso. O caso é que a muller desgustouse, enfadouse e increpou ao condutor. Este defendeuse. Logo ela agrediuno co teléfono e el contraatacou. Nas imaxes vese que os dous están alterados e centrándose o un no outro. É por iso que acaban chocando cun coche que os precede, batendo contra a varanda da estrutura e, finalmente, precipitándose ao río. Quince pasaxeiros. Quince. Alleos á disputa entre a muller e o condutor. E os quince pereceron por esta causa. Quince vidas por reprimir a quen saltou unha parada. En lugar de baixar antes da ponte podía facelo xusto despois. Pero non. A súa parada era a anterior. E iso, para pasaxeira e condutor, valeu quince vidas. Non era lugar nin momento para a discusión.