Pecha os ollos e pensa nas cousas que importan, as persoas, a súa pel, e recendo e voz. Pensa na súa presenza paseando os seus pasos preto de ti. O que importa. Que regresen cando marchan. Que non sufran nunca. Que saiban que o único éxito é ser feliz. Que non apresuren a súa mirada contemplando só os grandes obxectivos e as grandes causas e eses horizontes (grandes) onde as palabras son mentira e as mentiras un asunto cotián. Que te biquen, algunha vez. Que compartan contigo o pan e o día. Que a súa luz sexa a túa. As cousas que importan son moito máis sinxelas do que pintan estes tempos brandos que nos carcomen. Faltan sensibilidade e delicadeza e tenrura. E faltan porque non sabemos o que en verdade importa. Importa que a vida sexa máis vida e non estar morto camiñando entre os vivos. Hoxe, especialmente: Santos. Convocadas todas as ánimas e caricias que xa non están con nós. Un de novembro. Todo o que desapareceu é o que máis importaba. Ás veces non o soubemos. E por iso maldicimos os días perdidos, os minutos gastados, os gritos erróneos, os malos humores e os amores escasos. Un de novembro, país de nimiedades... é todo tan banal. Samaín ou Halloween. Nada me estimula. Porque eu sei que o que importa ten ollos e pel e voz e recendo. Que non sufran nunca. Que saiban que o único éxito é ser feliz. Este un de novembro camiñarei os meus camiños de cada día contemplando pretéritos: as ausencias, o baleiro, anacos de min. As flores nos cemiterios recórdannos en realidade todo o que somos: apenas nada. As flores son parte, zume, carne de nós. Viva/Vive a vida: pel, ollos, voz, recendo. O resto é silencio, proclamaba Hamlet agonizando. O demais non importa.