EDUARDO PEREZ

01 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei escribir sobre Gustavo Pernas. Amoréanse as lembranzas e ningunha delas parece propia dunha columna que nunca é tan persoal como para facerse chorando por un amigo. Os amigos non morren, nin se converten en tinta, nin comparten páxinas con banalidades. Ás veces o que acae é o silencio. Logo unha pensa quen é Gustavo Pernas fóra das conversas interminábeis, da amizade cómplice, do seu sorriso e da beleza insultante, e decátase de que hai que apreixalo e facelo ficar a través da palabra escrita. Magnífico actor, Gustavo Pernas está, sen dúbida, entre a media ducia de grandes escritores da literatura galega contemporánea e entre os mellores directores de escena do noso teatro. Todo o que fixo, fíxoo ben. Débolle a rabudez de berrar que a arte é un elegante exercicio de coherencia política, e a dignidade de resistir sen venderse. E tamén llo debe a cultura galega toda, algo que fai a Pernas merecedor non só desta columna, senón de portadas na prensa que nunca se lle dedicaron porque non deu tempo.

Por iso non me conformo co que deixa feito, porque lle bulían na cabeza mil ideas que xa non se escribirán, e esa certeza é tan dolorosa e inxusta que non hai columna que a resista. Non abonda coa memoria. Gustavo Pernas debera seguir vivo, porque o teatro galego, e esta nosa cultura chea de alegrías e miserias, serán peores sen el. Mais, se existe unha dimensión na que a súa intelixencia non esmorece, Gustavo estará observándonos cargado de ironía, dicindo algo así como «Pero a morte séntame tan ben!», e rindo co rostro enteiro. Só que a nós, Gus querido, a túa morte sentounos coma un tiro que nos deixou sen sangue nin esperanza. Queda aquí!