Entre Bolsonaro e o antisemitismo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

SERGIO MORAES | Reuters

30 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non gañamos para sustos. Veñen de lonxe pero están máis preto do que parece neste mundo global. A noticia do ataque á sinagoga de Pittsburgh (Pensilvania) chegoume coma unha labazada. O prognóstico da vitoria de Bolsonaro, un declarado partidario da ditadura nas eleccións presidenciais do Brasil, presentouse como unha desgraza imparable á que non se lle puxo remedio. O primeiro tráenos dos Estados Unidos as peores lembranzas da historia europea; o segundo terá grandes consecuencias en América e no mundo enteiro. Vai sendo hora de reaccionar, de reparar en qué mala dirección se vai debuxando o futuro e de prepararse para reaccionar. A ditadura xa non é unha ameaza teórica da democracia, senón unha realidade en marcha; o antisemitismo xa non é cousa do ISIS, senón de fanáticos supremacistas brancos. Bolsonaro promete o uso libre das armas para a autoprotección. Trump atribúe a matanza a que os mortos non tiñan armas para defenderse. Meter medo para ofrecer seguridade e acusar de corrupción é unha vella fórmula de chegar ao poder.

Coñecín a cidade de Pittsburgh por un convite do profesor John Markoff, un neoiorquino neto de xudeus bielorrusos, experto na historia das ondas democratizadoras contemporáneas. Da famosa cidade do aceiro lembro ao taxista inmenso, que me levou nun coche cheo de latas baleiras de bebidas azucradas que parecía saído dunha mala película, e tamén recordo a súa futurista catedral dos anos trinta. Pero sobre todo quedo coa hospitalidade dos Markoff e a multiculturalidade do departamento de Ciencia Política da Universidade, cun claustro de profesores palestinos, xaponeses ou de Sri Lanka. A tranquila normalidade que coñecín non se parece moito ás noticias que chegaron esta fin de semana.

Do Brasil pouco máis coñezo que São Paulo e a xigantesca universidade dunha das grandes megalópoles do mundo, chea de persoas emprendedoras e dunha mocidade empeñada en estudar. Estudaban pola rúa, no autobús ou en centros educativos abertos por toda a urbe, coa ansia propia dunha sociedade empeñada en mellorar. Era antes da crise. Tampouco esquecerei a pedrada ou o tiro -nunca nos quedou claro- que recibiu o coche no que viaxabamos dende unha favela sobrevoada por tres helicópteros da policía mentres se producía unha redada.

Os meus amigos de Pittsburgh viven preto da sinagoga que foi atacada por un neonazi e cóntanme que foron render tributo ás once vítimas depositando unhas flores no lugar do atentado, como adoita facerse hoxe cunha normalidade que non ten nada de normal. Do Brasil chéganme noticias do temor que causa nunha parte da poboación a deriva que leva a Bolsonaro ao poder. Consumada a súa vitoria por unha marxe suficiente, pero non abafante, podemos empezar a temer o peor. A súa receita para gobernar é sobradamente coñecida e está sendo aplicada por Trump; non obstante, mentres o norteamericano desenvolve un mandato sometido a controis nunha democracia sen tradición ditatorial, o brasileiro reclama a volta a unha ditadura para a que traballou como militar. Xa non podemos chamarnos a enganos. Nin alí nin aquí. A ditadura neste tempo vén pola dereita.