Edificios escolares

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

29 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa escola onde nacemos e pasamos unha parte moi importante da nosa vida vai ser rehabilitada para aloxar un museo etnográfico. A meritoria iniciativa da alcaldesa cumprirá unha tripla función: evitar a ruína dun edificio moi querido polo pobo, mantelo como foco cultural e aproveitar a importante colección de antigüidades que posúe un veciño, quen ademais foi alumno desta escola. Outros concellos rurais están a restaurar estes inmobles para vivendas ou para usos sociais e comunitarios, despois de desvinculalos do uso docente. Malia que a Xunta de Galicia concede subvencións anuais con este fin, reguladas desde o ano pasado, moitos deles atópanse en estado de abandono.

 

Estes edificios escolares, con aulas diferenciadas para nenos e nenas, comezaron a construírse a principios do pasado século e moitos contaban con vivenda para mestres, co fin de facilitarlles a residencia na localidade e paliar as súas difíciles condicións económicas. Por incrible que pareza, o dereito a estas vivendas mantense na actualidade para os poucos docentes que aínda residen nelas ou para aqueles que perciben na nómina un complemento mensual de 2,70 euros polo concepto de «casa-habitación».

Case tódalas parroquias tiñan escolas, pero foron desaparecendo co nacemento das agrupacións escolares, de ámbito comarcal. Construíronse colexios nas cabeceiras dos concellos, sobre todo nos anos setenta do pasado século, habendo daquela matrícula suficiente nas zonas rurais para manter en funcionamento centros completos, cos cursos da educación básica independentes. Municipios pequenos chegaron a pasar ben dos douscentos alumnos, pero a grave crise demográfica provocou o descenso á cuarta parte ou incluso menos. Construcións con máis de dez aulas e con amplos espazos comúns están hoxe infrautilizadas, supoñendo para as administracións públicas un malgaste de recursos materiais e humanos. Os alumnos de diferentes cursos estanse a reagrupar nunha mesma clase, camiñando de novo, quen nolo ía dicir!, cara ás vellas escolas unitarias ou graduadas.

Pero ademais están en funcionamento edificios coas mesmas etapas educativas, medio baleiros e moi próximos, situación que fai cada día máis inevitable unha revisión do mapa escolar, para adaptalo á evolución demográfica. As etapas de secundaria contan con centros máis novos ou readaptados, como consecuencia da reforma implantada pola LOXSE hai uns vinte anos. Pero os vellos colexios de primaria pasan dos corenta e precisan de importantes reparacións ou adaptacións ás novas matrículas. Os dous próximos anos poden ser bos ou non, segundo como se mire, para unha colaboración entre as Administracións autonómica e local, responsables destes centros. En calquera caso, canto máis se demore, maior será a complexidade da solución.