Filosofía, para que?

OPINIÓN

SIRO

27 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1968 chegou ao ministerio de Educación o profesor valenciano José Luis Villar Palasí coa Ley General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa baixo o brazo, que se concretou na creación da EXB, o BUP, a FP e a UNED; e nas obrigas do ensino primario entre os 6 e 14 anos, e do estudo das linguas vernáculas nas comunidades bilingües. A aplicación da Lei da Memoria Histórica fará desaparecer o seu nome de varios colexios na Comunidade Valenciana.

Ningún outro titular de Educación -e en democracia houbo 13 ministros e 5 ministras- volveu ter un programa educativo e todos se limitaron a parchear o anterior. O temario de Filosofía e as horas lectivas con Villar Palasí permitiran aos bachareis chegar á universidade con certa formación filosófica, polo que os seguintes ministros apenas os tocaron. Todo ía ben -ás veces relativamente ben- ata que ao presidente Rajoy se lle ocorreu nomear ministro de Educación a José Ignacio Wert, o 22 de Nadal de 2011, coma se dun premio da lotaría para a comunidade educativa se tratase. Debeuno deixar para o 28, día dos Santos Inocentes, porque inocentada foi a designación, e non premio. Nos catro anos que se mantivo no cargo foi o membro do Goberno peor valorado e conseguiu o nunca visto: un plante dos 79 reitores das universidades españolas.

Wert eliminou as materias de Educación para a cidadanía e Ética, e converteu a Historia da filosofía, antes obrigatoria, en optativa; e só en Humanidades. As protestas producíronse dentro e fóra do ámbito educativo, pero o ministro nunca perdeu o sorriso despectivo de quen se pregunta: Filosofía, para que? Podería, se quixese, ter a resposta na declaración da Unesco: «A filosofía dános as bases conceptuais dos principios e valores dos que depende a paz mundial: a democracia, os dereitos humanos, a xustiza e a igualdade. A filosofía axuda a fortalecer os auténticos alicerces da coexistencia pacífica e a tolerancia».

O peor da lei Wert foi que chegou no momento en que a filosofía interesaba a numerosos docentes que descubriran, a través dos filósofos e pedagogos americanos Matthew Lipman e Ann M. Sharp, a conveniencia de levala ás aulas de ensino primario. Un conto de Eduardo Galeano fala dun neno que non coñecía o mar. O pai levouno a velo e cando, despois de moito camiñar, o mar estalou ante os seus ollos, o neno colleu a man ao pai e pediulle: «Axúdame a mirar». Que nos axuden a mirar é necesidade por todos sentida ao longo das nosas vidas, e de nenos especialmente. Lipman partía da curiosidade innata dos nenos para potenciar neles a liberdade do pensamento reflexivo e a comprensión ética. Os seus libros foran publicados por Ediciones de la Torre -un par deles en galego-, e a súa demanda, co éxito editorial doutras publicacións para adolescentes, como El mundo de Sofía, do noruegués Jostein Gaarder, move a pensar que aquel era o gran momento da filosofía na escola. O recente acordo dos grupos parlamentarios para desfacer o entorto da lei Wert é unha boa nova, pero o dano feito foi grande. E non obstante a Lei de Memoria Histórica non podería impedir que tan nefasto ministro dese nome a un instituto.