Intentarei escribir con paixón, outra vez. Intentarei aprender de novo, eu, que desaprendín tan veloz. Escribir deixando a pel en cada liña, coma ti, Javier. Javieriño, chamábate Paula. Remitiches unha carta a La Voz despedíndote dela, a túa amiga, que só sabía rir.

Marchou con pouco máis de trinta anos. Ela, que amaba as cousas pequenas, esas que en verdade importan. E amaba a Arturo. Porque «un só día de amor entre Paula e Arturo, un dos catro anos que durou o proceso…» valía máis que todos os grandes lugares onde os discursos do presente pretenden levarnos. O proceso, Javier. Javieriño. Había anos que algo non me tocaba tan profundamente o corazón. E púxenme a chorar como o iluso que aínda son. Ese que quere volver escribir coa paixón coa que antes escribía. Prometo facelo. Por xente coma ti e Paula e Arturo. A ela xa non a coñecerei, aínda que pareza que levo toda a vida sabendo da grandeza das mulleres coma Paula. Enteira, de alma alta, entregada a entregar (dar). Non sei por que aparece un sorriso neste cuarto onde escribo. Imaxinando. A Pauliña, talvez. Vivindo cada día coma se fose o último. Sabendo que hai xente boa, tan boa, que todos os «malasombras» quedan desdebuxados e inútiles. Sabendo que, cando perdemos de verdade, algo habemos de gañar. Que o amor, só o amor, ha de permitirnos perdurar cando xa non esteamos aquí. Só o amor, Pauliña, agora que xa non estás. El queda colgado dos nomes de todos os que te amaron e amarán eternamente. Incluso pendurado das miñas letras. Eu, que non te coñecín. Eu, que sei que hai seres que viven e reviven logo de colleren o billete de ida a algún lugar invisible. Ese lugar existe. Alí nos encontraremos, Pauliña.