Pobreza intelectual

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu non estaba presente, pero creo na historia que veño de escoitar varias veces. O peor de todo, ademais, é que non me sorprende. Nun colexio dunha cidade galega unha docente reúne aos pais dos alumnos a comezo de curso. Avísaos de que vai saltar a normativa. Que os libros están nun idioma pero ela vai traducilos pese a que isto implique que aprendan menos desa lingua. É máis, nas clases desa materia, non vai ser rigorosa e permitirá aos rapaces escribir mal, con faltas ortográficas.

Aprobarán, aínda sen alcanzar os mínimos esixidos na aprendizaxe. Contado así igual pensan que é un delito, ela unha irresponsable e o noso sistema educativo unha pantomima. Levarían as mans á cabeza.

Pero claro, se lles conto que a profesora o que fai é obviar o galego e substituílo polo castelán... Moitos pensarán o mesmo ca os pais da devandita reunión, aos que, parece ser, os invadiu o alivio.

Fagamos outra cousa. Substituamos galego por inglés. Que me din agora? Gustaríalles que a profesora non lles lese en inglés, non lles escribise en inglés e non lles corrixise a sintaxe nin a ortografía? Gustaríalles que os seus fillos fosen uns ignorantes nesa fala? Aposto que non.

O galego tamén é idioma, coa diferenza de que é o noso. E créanme, ser bilingüe axuda a axilizar a mente, fainos máis intelixentes.

Se aprenden tres idiomas, máis. E con catro, mellor.

Xa só por iso deberan querelo e respectalo. O problema é que a pobreza intelectual está ocupando as cabezas. Se as enchera o bilingüismo...