Unhas contas para seguir crecendo

Miguel Tellado SECRETARIO XERAL DO PPDEG

OPINIÓN

PPdeG

20 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das grandes máximas que a meirande parte de persoas seguimos na vida é que aquilo que funciona non vale a pena mudalo. Desde a chegada de Alberto Núñez Feijoo á presidencia da Xunta, o Goberno galego apostou por unha receita clara e recoñecible: crecemento económico, mellora dos servizos públicos e ampliación da atención ás necesidades das persoas. Esta foi a política que sacou a Galicia da crise, pero tamén a que consolidou o crecemento económico e a que nos permite empezar a sentar as bases do que queremos que sexa a nosa terra nas vindeiras décadas.

 

Os orzamentos da Xunta para 2019 poden resumirse en máis crecemento, máis emprego, máis investimento, máis servizos sociais, menos débeda pública e menos presión fiscal, coa baixada de ata catro impostos e a consolidación das reducións dos anos anteriores. Un compromiso real co desenvolvemento da nosa comunidade e co benestar de todos os galegos e galegas de hoxe. Pero tamén coas xeracións que están por vir.

Un documento deste tipo antóllase máis necesario ca nunca, logo de coñecermos o borrador de Presupostos Xerais do Estado, que Pedro Sánchez pretende aprobar con socios como Podemos, os herdeiros da antiga Batasuna ou os independentistas cataláns, con visita negociadora de Pablo Iglesias ao cárcere incluída. A rixidez do mercado laboral, as subas masivas de impostos e o descontrol do gasto público foron os ingredientes da última crise, da que os socialistas semella que non aprenderon nada. O PSOE pretende consagrar unha folla de ruta que, se non o remediamos o antes posible, hipotecará a España para un longo período, dado que o presidente do Goberno só utilizará o diñeiro de todos os españois en pagarlle os favores a aqueles que o levaron á Moncloa e en aguantar o maior tempo posible o dereito a subir no helicóptero oficial.

En resumo, son estas as diferenzas fundamentais que revelan dous modelos de gobernar: o do presidente Feijoo, centrado nas necesidades reais da Galicia do presente e do futuro; e o do presidente Sánchez, cuxo único proxecto político é a súa supervivencia persoal.