As novas eran desoladoras: segundo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, España aparece de segunda no seu ránking de pobreza infantil, cunha porcentaxe do 28,9 % (Noruega ten un 3 %). Pero ese mesmo día saía unha noticia sobre un estudo da Universidade de Washington, que sitúa ao noso país como o país con maior esperanza de vida no 2040, unha noticia que me fixo pensar no paradoxo que supuñan as dúas novas combinadas: entón, os nenos que se atopan hoxe en situación de pobreza, os que forman parte dese 28 %, vivirán máis?
Por outra banda, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social lembrábanos a diversidade do perfil da pobreza no noso país, pois semella que hai máis dun millón de titulados universitarios dentro do 21,6 % de habitantes que viven en risco de pobreza. E entón pensei en meus pais, e no seu xeito de inculcarnos os estudos para poder prosperar economicamente, e no paradoxo de que, na súa xeración, non ter estudos supuña dificultades, e na nosa, telos non nos libra necesariamente delas... Que tipo de formación precisamos inculcar hoxe á seguinte xeración para que prospere, ou, neste contexto, sobreviva con dignidade?
Esta semana celebrouse o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, e co gallo desta conmemoración as palabras do secretario xeral das Nacións Unidas lembrábannos que «a erradicación da pobreza non é unha cuestión de caridade, senón de xustiza»; e entón pensei no paradoxo de que, se un dos piares da sociedade é a xustiza, onde está a xustiza que axuda a avanzar o noso benestar? Onde está a nosa xustiza social?