Debates lingüísticos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces que me emociono, si, recoñézoo. E nesas ocasións, penso que aínda hai esperanza, que aínda temos salvación. Estes días as redes sociais botan lume debatendo sobre as posibles connotacións dunha palabra que, pese a saír nunha canción, non aparece no dicionario.

A posta a exame do «palabro» nace dunha rapaza nova que non é lingüista, pero si usuaria da palabra, que utilizar para a súa paixón: cantar. Paréceme perfecto. Non vou entrar, por esta vez, a valorar o termo, tan só a actitude. Porque é bo, moi bo, que os que se dedican a transmitir a través da palabra se preocupen de utilizala ben e, para iso, ás veces hai que empezar por cuestionar. E isto é aplicable a cantantes, escritores, xornalistas, revolucionarios das redes sociais, publicistas, mestres e profesores, comentaristas... e políticos.

Dóenme os oídos cos laísmos, infinitivos que fan de imperativos, tempos verbais aos que se lles engaden eses sen necesidade e invención de termos. Buf. Que terrible. Moito falar dos másteres e teses dos mandatarios do país para despois escoitalos falar dándolle patadas á gramática e á sintaxe. Eu prefiro que non teñan tantas teses, tantos títulos, tantos másteres... e que saiban ben as regras básicas da educación primaria.

E por educación entendemos todo. Porque erros cometemos todos, por suposto, pero é que por riba estase a utilizar a linguaxe para crear crispación continuamente. Co fermoso que é construír aquí estamos dedicándonos a fragmentar, dividir e situarnos enfrontados.

É bo, moi bo, que os que se dedican a transmitir a través da palabra se preocupen de utilizala ben e, para iso, ás veces hai que empezar por cuestionar